miércoles, 17 de noviembre de 2010

Saída á Coruña: Aquarium e Museo de Belas Artes...




O pasado venres fixemos unha saída didáctica á Coruña, co obxectivo de coñecer e aprender cousas sobre o mar e a súa fauna, e doutra banda, familiarizarse cos museos, no camiño de poder percibir os mesmos como unha oportunidade de pasalo ben aprendendo. Compartimos a saída cos nenos e nenas da escola de Vilanova e a lectura que facemos é positiva. No Aquarium, había certos nervios por ver ás quenllas, e mesmo algúns nenos agochábanse atrás dos mestres, pero finalmente case houbo que sacalos á forza porque non querían irse.

A experiencia do Museo de Belas Artes foi interesante tamén. Os nenos e nenas da escola recoñeceron ao instante algúns dos cadros que xa estiveran traballando con Deya os días anteriores á saída: Seoane, Sorolla, Picasso, Isaac Díaz Pardo...É unha mágoa que os museos non estean tan incorporados ao tempo de lecer como o cine ou o teatro(aínda que sempre hai excepcións), de calquera xeito estamos moi satisfeitos do resultado final.

O grupo de Primaria viu algunhas esculturas e tamén cadros de Carlos Maside, e o mestre, descubriu un cadro que lle resultaba familiar:  Gabinete dun Coleccionista. O motivo era unha portada dun libro imperdible de George Perec: Gabinete dun afecioado, e a súa portada era hipnótica e misteriosa. O que menos podía agardar o mestre era atopala nun museo da Coruña ao lado dos alumnos/as. Esta semana traballaremos algo coa portada deste libro que xa deu para un ditado de Lingua Galega, e pintaremos o Gabinete dun Coleccionista, obra de Frans Francken(1581-1642).

No hay comentarios:

Publicar un comentario