martes, 22 de marzo de 2011

Os ollos ben abertos, pois sempre paga a pena...

Este é o vídeo que nos puxo no camiño para a actividade do vindeiro xoves vintecatro. O mestre conducía adormecido cara a súa cidade(¿cidade?) natal, Lugo, cando a influenza do sol de marzo lle fixo virar a vista cara a ría, á altura do Pedrido. E entón espontáneamente colleu a cámara, pois era un espectáculo que quizais a xente de mar non valora, pero sí un homiño de interior.

Ao día seguinte, na escola, puxémoslle estes vídeo ás nenas e nenos da escola de Bemantes, e ningún nos soubo dicir que estaban a facer as persoas que saen nel(recoñezamos que o propio mestre únicamente puido aportar que aquelas persoas, mulleres a meirande parte, estaban a mariscar, e isto non pode ser, é unha vergoña), así que decidimos contactar coa Cofradía de Mariscadoras de Miño e facerlles unha visita in situ para poder coñecer, vivenciar e compartir o seu traballo:


Untitled from Lois Diaz on Vimeo.

lunes, 14 de marzo de 2011

O Contador de soños: Yuli e os insectos


Yuli explicounos o seu amargo soño de hai uns días: era de noite e ía para a escola co seu avó, porque non se decataran que era noite. Yuli tiña medo e baixaba(así o contou ela) onde os demais nenos, que estaban a xogar. Entón preguntáballe aos mestres se podía xogar e estes respostaban que non! Ela comezaba a chorar, chorar e chorar, e logo vía un furado enorme e metíase dentro. Alí había milleiros de insectos, e un deles picábaa. Ela convertíase en insecto. Logo espertaba.


Untitled from Lois Diaz on Vimeo.

viernes, 11 de marzo de 2011

O contador de soños: Xurxo e os dinosaurios

A partires da actividade do Libro dos Soños de Borges, xurdiu unha na que o alumnado participa aínda con máis entusiasmo: O Contador de Soños. Cada neno/a, dependendo da súa memoria, pide rexistrar o seu soño ou pesadelo(os ingleses teñen unha palabra preciosa para o pesadelo: chámanlle nightmare, que significa egua da noite, e aínda máis, teñen unha para o horror sobrenatural, que se chama uncanny) no Contador, coa única condición de facelo en galego. Os soños duns arrastran aos outros a facelo. Posteriormente, transformámolo en texto, escribímolo e logo pintámolo.

Hoxe, Xurxo cóntanos o seu estrano soño. Onde remata o soño? Onde comeza a imaxinación? Non sabemos, en todo caso ás nenas e nenos gustoulles. Aquí vos queda:


Untitled from Lois Diaz on Vimeo.