lunes, 23 de mayo de 2011

E as árbores falaron...

Unha das actividades contempladas no proxecto de fomento do uso do galego é "E as árbores falaron". Comezamos a mesma no segundo trimestre, elaborando na aula posibeis comezos de contos, pequenas frases que puideran dar lugar a unha historia. Despois decorámolos e puxémolos nun cartaz, que penduramos das árbores. Posteriormente, pensamos no xeito en que continuarían as historias: escribímolas, corrixímolas, pintámolas, e logo fixemos unha dramatización das mesmas, contándollelas aos demais nenos/as da escola. Con esta actividade, ademais de traballar a lingua galega, pensamos nás árbores non só como elementos naturais(que tamén), senón como transmisoras de contos se somos quen de escoitalas. Queremos, xa que logo, fomentar hábitos de coidado do medio ambiente. Escoitar ás árbores, contos que florecen coa primavera, e uso oral da lingua. Aquí vos deixamos un resumo de todo o proceso:

Untitled from Lois Diaz on Vimeo.



Untitled from Lois Diaz on Vimeo.


Untitled from Lois Diaz on Vimeo.

viernes, 15 de abril de 2011

Bemantes en Preescolar na Casa: As palabras que soñan coa radio!



A fundación Preescolar na Casa, a través do seu programa radiofónico da Radio Galega e de Radio Nacional de España realizou unha entrevista e reportaxe sobre o proxecto de fomento do uso do galego que se pode escoitar no seguinte enlace(a partires do minuto quince, máis ou menos; coidamos que a gravación só estará dispoñible ata o vindeiro domingo) O enlace é este:
http://crtvg.es/programas/?p=41&m=2

Para escoitar a versión longa, preme aquí directamente:

http://www.goear.com/listen/f4c9d74/entrevista-parte-1-preescolar-na-casa-
http://www.goear.com/listen/3da1abd/entrevista-parte-2-
http://www.goear.com/listen/ea1a4b4/entrevista-parte-3-

Visita ás mariscadoras de Miño


Para saber que facían as mulleres do vídeo, visitamos ás mariscadoras da Cofradía de Miño e puidemos "mariscar" con elas. A xornada foi tamén moi interesante, pois o alumnado puido observar todo o proceso, as ferramentas de traballo, o espectacular entorno natural no que ten lugar(nesta ocasión estivemos á beira case da ponte do Pedrido) e as mariscadoras amosáronse moi atentas e alegres pola visita, compartindo cos nenos e nenas unha xornada de traballo distinta. Ademais, o alumnado puido ampliar a súa aprendizaxe coas explicacións da bióloga da Cofradía, que afondou en aspectos terminolóxicos e peculiaridades da fauna marina coa que as mariscadoras traballan. Queremos darlles as grazas aos integrantes da Cofradía de Mariscadoras de Miño, en especial a Mª José, a súa patrona maior, polo trato dispensado e pola súa xenerosidade.
Doutra banda, o oficio de mariscadora constitúe un dos traballos característicos de Galicia.
Estamos convencidos de que é importante coñecer para aprezar, pois as persoas acostumamos facer o contrario: desprezamos o que descoñecemos.
Por riba, di o filósofo Antonio Escohotado, citando a Polibio, que "...non hai mellor regla de conducta para o ser humano que o coñecemento do seu pasado", e a escola debe favorecer aprendizaxes que lle axuden ao alumnado a interpretar a realidade e o entorno no que comeza a se desenvolver.

Aquí vos deixamos as fotos:

Saída á panadaría de Xosé Luis

Hai unhas semanas tivemos a ocasión de visitar a panadaría de Xosé Luis, o tío avó de Artur, na Feira do Tres, preto de Bemantes. Botamos toda a mañá na compaña de Xosé Luís, e dos outros traballadores da panadaría, e explicáronnos o proceso do pan. Os nenos e nenas tiveron ocasión de experimentar e vivenciar todo o proceso, e por suposto, fixeron pan. Ao final, ademais, Xosé Luís agasallounos con pan en abundancia para tod@s, pan que por certo, estaba moi, moi rico.

A visita encadrouse dentro da actividade "Cóntamo, avoíña", e supón un contacto real e significativo co entorno próximo do alumnado. Tamén é a oportunidade para aprender a natureza do oficio de panadeiro. Supón confrontar tamén o pan como produto, habitualmente nos andeis dos supermercados, co pan como proceso, e finalmente implica coñecer mellor a actividade e o traballo dun familiar moi próximo a un dos nenos da escola.

Grazas, Xosé Luís!
Para ti, adicámosche esta canción de Magín Blanco, " O meu país" contida nun dos libros adquiridos este ano para a biblioteca de aula, "A nena e o grilo", da Editorial OQO. Estupendo libro para os nenos e nenas de calquera idade! Un saúdo para o autor da canción, en recordo dunha estupenda sobremesa no Dezaseis en Santiago, hai xa máis dun ano...


Aquí vos deixamos as fotos da saída.

Nota: Ademais, puidemos observar nun dos descansos o vello edificio do Cine da Feira do Tres. Que mágoa que xa non estea en condicións...


martes, 22 de marzo de 2011

Os ollos ben abertos, pois sempre paga a pena...

Este é o vídeo que nos puxo no camiño para a actividade do vindeiro xoves vintecatro. O mestre conducía adormecido cara a súa cidade(¿cidade?) natal, Lugo, cando a influenza do sol de marzo lle fixo virar a vista cara a ría, á altura do Pedrido. E entón espontáneamente colleu a cámara, pois era un espectáculo que quizais a xente de mar non valora, pero sí un homiño de interior.

Ao día seguinte, na escola, puxémoslle estes vídeo ás nenas e nenos da escola de Bemantes, e ningún nos soubo dicir que estaban a facer as persoas que saen nel(recoñezamos que o propio mestre únicamente puido aportar que aquelas persoas, mulleres a meirande parte, estaban a mariscar, e isto non pode ser, é unha vergoña), así que decidimos contactar coa Cofradía de Mariscadoras de Miño e facerlles unha visita in situ para poder coñecer, vivenciar e compartir o seu traballo:


Untitled from Lois Diaz on Vimeo.

lunes, 14 de marzo de 2011

O Contador de soños: Yuli e os insectos


Yuli explicounos o seu amargo soño de hai uns días: era de noite e ía para a escola co seu avó, porque non se decataran que era noite. Yuli tiña medo e baixaba(así o contou ela) onde os demais nenos, que estaban a xogar. Entón preguntáballe aos mestres se podía xogar e estes respostaban que non! Ela comezaba a chorar, chorar e chorar, e logo vía un furado enorme e metíase dentro. Alí había milleiros de insectos, e un deles picábaa. Ela convertíase en insecto. Logo espertaba.


Untitled from Lois Diaz on Vimeo.

viernes, 11 de marzo de 2011

O contador de soños: Xurxo e os dinosaurios

A partires da actividade do Libro dos Soños de Borges, xurdiu unha na que o alumnado participa aínda con máis entusiasmo: O Contador de Soños. Cada neno/a, dependendo da súa memoria, pide rexistrar o seu soño ou pesadelo(os ingleses teñen unha palabra preciosa para o pesadelo: chámanlle nightmare, que significa egua da noite, e aínda máis, teñen unha para o horror sobrenatural, que se chama uncanny) no Contador, coa única condición de facelo en galego. Os soños duns arrastran aos outros a facelo. Posteriormente, transformámolo en texto, escribímolo e logo pintámolo.

Hoxe, Xurxo cóntanos o seu estrano soño. Onde remata o soño? Onde comeza a imaxinación? Non sabemos, en todo caso ás nenas e nenos gustoulles. Aquí vos queda:


Untitled from Lois Diaz on Vimeo.

miércoles, 23 de febrero de 2011

O libro dos soños: voamos con Borges!


Unha das actividades contidas no proxecto de fomento do uso do galego é o Libro dos Soños, título homónimo da obra de Jorge Luis Borges, o excelso escritor arxentino. Pequenos textos adaptados ao galego e á idade do noso alumnado son o punto de partida para ler, escribir, identificar os nomes, os adxectivos, sustituír unhas palabras por outras, e por suposto, e tan importante, para imaxinar. Nesta ocasión eliximos o Soño Infinito de Pai-Yu, e deixamos que as nenas e nenos imaxinaran e debuxaran ese soño:

martes, 22 de febrero de 2011

Entroido: o proceso




Ao contrario que na novela de Kafka do mesmo nome( O proceso), aquí ninguén é perseguido, máis ben ao contrario. Perseguimos unha estrela de mar, ou varias. Hoxe seguimos a elaborar os disfraces, logo de que as nenas e nenos os recortaran na casa coa axuda das familias.

Aínda nos quedan os das medusas e os dos Neptunos, as cancións...

Polo momento, deixámosvos aquí algúns momentos do proceso:


Untitled from Lois Pérez on Vimeo.

viernes, 18 de febrero de 2011

Quero meterme no mar! Primeiros ensaios para o entroido

Xa que imos ir disfrazados de medusas, estrelas de mar e Neptunos, traémosvos unha canción para o Entroido con estes motivos. Aquí vos deixamos unha humilde composición que fixemos na escola, pero agardamos que brile co noso canto cando chegue o Entroido. Un apunte, nenas e nenos, cando berremos, temos que facelo ben, pois incluso berrando podería quedarnos ben. Temos que seguir practicando. Para escoitala:

viernes, 11 de febrero de 2011

Mariluz e Tolín, os avós de Yuliana, contáronnos!

Por algún problema técnico, ou máis ben por incompetencia técnica, tardamos tempo de máis en achegar o vídeo da visita dos avós de Yuliana á escola. Mariluz e Tolín faláronnos dos seus recordos e dos xogos da súa infancia. Mariluz falounos do que ela aprendía na escola cando era nena, tamén dos xogos; Tolín falounos dalgunha trasnada e da súa experiencia coas monxas na escola, e tamén do seu pasado como xogador do Deportivo. Os nenos e nenas participaron con máis atención desta volta, cecais porque xa van entendendo mellor como establecer un diálogo con persoas que habitualmente non están na escola.
A calidade do vídeo non é boa, pois só puidemos gravar nesta ocasión co móbil. Agardamos que nas vindeiras citas a calidade dos vídeos sexa maior, e dámoslle as grazas aos avós de Yuliana pola súa visita:


Untitled from Lois Diaz on Vimeo.