martes, 23 de noviembre de 2010

Comezaron as xornadas de "Cóntamo, avoíña"

Unha das actividades deseñadas no proxecto de fomento do uso do galego é "Cóntamo, avoíña"; actividade consistente na transmisión oral por parte dos avós e avoas ou familiares do alumnado de contos, lendas, recordos da infancia...Ler, escribir ou falar están vencelladas tamén a escoitar. A saber escoitar, que implica atender, entender, pensar. Dalgún xeito estes procesos van da man: ler pode inducir a escribir, falar comporta escoitar, pero ler pode dar orixe a falar, e escoitar pode levarnos a escribir; en definitiva, estes catro procesos fomentan a competencia lingüística. Cobra especial importancia entón que aquelas experiencias que achegamos ao alumnado estean conectadas coa súa realidade, neste caso a través dun familiar de máis idade, para así aumentar o significado do que escoitan.
O venres pasado visitounos logo do recreo, no espazo diario ao fomento da lectura, José Luis, o tío de Artur, alumno de Educación Infantil.
Ao longo de media hora, José Luis contounos os seus recordos sobre a infancia e a escola, pero tamén sobre os xogos cos que ocupaban o tempo de lecer, os traballos da casa e algunhas cousas máis. Así, os nenos e nenas souberon que a imaxinación e non as cantidades industriais de xoguetes, era a ferramenta fundamental para pasalo ben cos amigos/as. Soubemos tamén que na casa os nenos/as tiñan que axudar co coidado dos animais ou indo a buscar auga.
Ademais, falounos sobre a escola, sobre as pizarras que se usaban e que había que borrar con cuspe, ademais dalgúns castigos que eran habituais por parte do profesorado: colgar orellas de burro, golpes nas mans ou na cabeza...
Pero cecais a lección máis importante foi a reflexión que fixo cara o final: dárlle valor ás cousas que se teñen, e á oportunidade de poder aprender, nunhas condicións actuais que os nenos e nenas doutras épocas non tiveron na maioría de casos.
O alumnado escoitou con bastante atención, e houbo unha quenda de preguntas que José Luís respostou con grande paciencia. O feito que máis lle chamou a atención ao alumnado foi a cantidade de cousas que non había noutro tempo.
A próxima sesión desta actividade correrá a cargo do pai de Xurxo, e será o venres 3 de decembro, que nos contará con detalle en que consiste o seu traballo nun laboratorio.
Este venres 26 sustituímos a actividade de "Cóntamo, avoíña" pola visita de Anxo Moure, ecoloxista e atrapador de contos( e moito máis...), que visitará o centro e atrapará contos para nós.

Aquí deixámosvos un anaco da intervención de José Luis, agradecéndolle de novo a súa visita:

Untitled from Lois Diaz on Vimeo.

2 comentarios:

  1. O meu tío, e tío abó de Artur, é o responsable entre outras cousas, de que eu posua o enorme tesouro que é o vicio de ler. Nunca me cansarei de agradecerllo.

    ResponderEliminar
  2. O meu tío, e tío abó de Artur, é o responsable entre outras cousas, de que eu posua o enorme tesouro que é o vicio de ler. Nunca me cansarei de agradecerllo.

    ResponderEliminar