miércoles, 22 de diciembre de 2010

Feliz Nadal, Bemantes!




Estimadas nais e pais, nenas e nenos:

Dende o centro queremos desexarvos un moi bo Nadal, agardando que pasedes unhas boas festas. Non só iso. Agradecémosvos o voso apoio e a vosa axuda, sen os que sería imposible ter feito algunhas das cousas que se fixeron dende o comezo de curso.

En canto a vós, nenas e nenos, pasádeo ben, lede(moito!), e agardamos que veñades cheos de enerxía á volta das vacacións. Lembrade, como dicía a nosa obra de teatro, que hai moitos motivos para poder estar contentos, polo que non vos poñades choróns se Papá Noel ou os Reis Magos esqueceran algunha cousa. Os papás e as mamás, os avós, os amigos, poder xogar, durmir, comer, e sobre todo compartir o tempo xuntos, son agasallosdifíciles de superar.

Feliz Nadal a tod@s!



Aquí vos van unhas cancións de Nadal, esta é de John Lennon:

http://www.youtube.com/watch?v=hb2YSAVHmIE

viernes, 17 de diciembre de 2010

A nosa obra! Primeiros ensaios(e últimos)

Esta semana estivemos a traballar nos ensaios da obra teatral que imos a representar o vindeiro mércores 22 no local social de Ombre(Pontedeume), canda a escola de Boebre, Vilanova e Ombre.

Trátase de Conto de Nadal, nunha adaptación feita para o noso alumnado, e que dende agora mesmo podedes consultar íntegra aquí mesmo:

viernes, 3 de diciembre de 2010

Enrique, o pai de Xurxo, explicounos o seu traballo en Ligal

O venres 3 de decembro visitounos Enrique, o pai de Xurxo, que traballa en Ligal, un laboratorio adicado a examinar e garantir o bo estado dos produtos lácteos para a súa posterior comercialización e venda ao público. Enrique preparou unha presentación con fotografías e ilustracións e non aforrou explicacións para que o alumnado puidera comprender finalmente en que consiste o seu traballo. En varias ocasións Enrique tivo que aclarar que non era él o que facía o leite, senón que traballaba nos laboratorios que o examinaban. Finalmente, houbo unha quenda de preguntas por parte do alumnado.

lunes, 29 de noviembre de 2010

Anxo Moure en Bemantes


O pasado venres, subido no seu "Paztinete", Anxo Moure visitou a nosa escola, tamén as escolas de Ombre, Vilanova e Boebre, e as nenas e nenos e tamén @s mestr@s, puidemos disfrutar da súa imaxinación e do seu talento atrapando contos:solidaridade, amor, xustiza, ecoloxía, paz, imaxinación, viaxes, mestúranse nas historias de Anxo, que fixo participar ao alumnado dos contos e convidounos a tod@s a disfrutar pero tamén tomar conciencia dos valores que deben inspirar non só a educación, senón a vida en sociedade. Agardando unha nova visita, grazas Anxo!
Aquí vos deixamos un anaco da súa visita ao cole:


Untitled from Lois Diaz on Vimeo.

martes, 23 de noviembre de 2010

Comezaron as xornadas de "Cóntamo, avoíña"

Unha das actividades deseñadas no proxecto de fomento do uso do galego é "Cóntamo, avoíña"; actividade consistente na transmisión oral por parte dos avós e avoas ou familiares do alumnado de contos, lendas, recordos da infancia...Ler, escribir ou falar están vencelladas tamén a escoitar. A saber escoitar, que implica atender, entender, pensar. Dalgún xeito estes procesos van da man: ler pode inducir a escribir, falar comporta escoitar, pero ler pode dar orixe a falar, e escoitar pode levarnos a escribir; en definitiva, estes catro procesos fomentan a competencia lingüística. Cobra especial importancia entón que aquelas experiencias que achegamos ao alumnado estean conectadas coa súa realidade, neste caso a través dun familiar de máis idade, para así aumentar o significado do que escoitan.
O venres pasado visitounos logo do recreo, no espazo diario ao fomento da lectura, José Luis, o tío de Artur, alumno de Educación Infantil.
Ao longo de media hora, José Luis contounos os seus recordos sobre a infancia e a escola, pero tamén sobre os xogos cos que ocupaban o tempo de lecer, os traballos da casa e algunhas cousas máis. Así, os nenos e nenas souberon que a imaxinación e non as cantidades industriais de xoguetes, era a ferramenta fundamental para pasalo ben cos amigos/as. Soubemos tamén que na casa os nenos/as tiñan que axudar co coidado dos animais ou indo a buscar auga.
Ademais, falounos sobre a escola, sobre as pizarras que se usaban e que había que borrar con cuspe, ademais dalgúns castigos que eran habituais por parte do profesorado: colgar orellas de burro, golpes nas mans ou na cabeza...
Pero cecais a lección máis importante foi a reflexión que fixo cara o final: dárlle valor ás cousas que se teñen, e á oportunidade de poder aprender, nunhas condicións actuais que os nenos e nenas doutras épocas non tiveron na maioría de casos.
O alumnado escoitou con bastante atención, e houbo unha quenda de preguntas que José Luís respostou con grande paciencia. O feito que máis lle chamou a atención ao alumnado foi a cantidade de cousas que non había noutro tempo.
A próxima sesión desta actividade correrá a cargo do pai de Xurxo, e será o venres 3 de decembro, que nos contará con detalle en que consiste o seu traballo nun laboratorio.
Este venres 26 sustituímos a actividade de "Cóntamo, avoíña" pola visita de Anxo Moure, ecoloxista e atrapador de contos( e moito máis...), que visitará o centro e atrapará contos para nós.

Aquí deixámosvos un anaco da intervención de José Luis, agradecéndolle de novo a súa visita:

Untitled from Lois Diaz on Vimeo.

miércoles, 17 de noviembre de 2010

Saída á Coruña: Aquarium e Museo de Belas Artes...




O pasado venres fixemos unha saída didáctica á Coruña, co obxectivo de coñecer e aprender cousas sobre o mar e a súa fauna, e doutra banda, familiarizarse cos museos, no camiño de poder percibir os mesmos como unha oportunidade de pasalo ben aprendendo. Compartimos a saída cos nenos e nenas da escola de Vilanova e a lectura que facemos é positiva. No Aquarium, había certos nervios por ver ás quenllas, e mesmo algúns nenos agochábanse atrás dos mestres, pero finalmente case houbo que sacalos á forza porque non querían irse.

A experiencia do Museo de Belas Artes foi interesante tamén. Os nenos e nenas da escola recoñeceron ao instante algúns dos cadros que xa estiveran traballando con Deya os días anteriores á saída: Seoane, Sorolla, Picasso, Isaac Díaz Pardo...É unha mágoa que os museos non estean tan incorporados ao tempo de lecer como o cine ou o teatro(aínda que sempre hai excepcións), de calquera xeito estamos moi satisfeitos do resultado final.

O grupo de Primaria viu algunhas esculturas e tamén cadros de Carlos Maside, e o mestre, descubriu un cadro que lle resultaba familiar:  Gabinete dun Coleccionista. O motivo era unha portada dun libro imperdible de George Perec: Gabinete dun afecioado, e a súa portada era hipnótica e misteriosa. O que menos podía agardar o mestre era atopala nun museo da Coruña ao lado dos alumnos/as. Esta semana traballaremos algo coa portada deste libro que xa deu para un ditado de Lingua Galega, e pintaremos o Gabinete dun Coleccionista, obra de Frans Francken(1581-1642).

jueves, 11 de noviembre de 2010

Chegou o Magosto!


O Magosto chegou este ano un pouco atropelado, pois coincidiu en moi pouco tempo co Samaín e co Día da Ciencia, pero de calquera xeito, non o pasamos por alto. Debuxamos, recortamos e coloreamos castañas para as nosas coroas, o alumnado recolleu receitas de cociña e refráns ou ditos verbo da castaña, e por suposto, comimos castañas asadas. Logo de comelas fixemos unha rolda de xogos tradicionais, coa castaña como elemento central nalgún deles. Ía sol dabondo, pero temos que salientar que os nenos e nenas participaron con moito esforzo nos xogos e ao final saímos tod@s súando a esgalla. Toma castaña!!

miércoles, 10 de noviembre de 2010

4 de novembro: Día da Ciencia en galego

O pasado xoves celebramos o Día da Ciencia en Galego, unha pertinente iniciativa se entendemos que na escola debe poñerse en contacto ao alumnado coas manifestacións máis valiosas e importantes do coñecemento e do saber. Deste xeito, falamos na aula da ciencia, ou o que os nenos e nenas entendían por ciencia, conversa na que por exemplo puidemos escoitar o seguinte: "la ciencia son cosas que vuelan por error"  Falamos dos grandes inventos da historia da humanidade: as letras, a roda, a imprenta, a electricidade, a locomotora, o avión, o teléfono...Fixemos un achegamento a James Maxwell, Afonso X o Sabio, e Juan Aller, as tres figuras homenaxeadas este ano, e o alumnado puido ver a proxeción dun vídeo sobre os primeiros intentos das persoas por conquistar o aire, e a continuación uns debuxos animados sobre os irmáns Wright, os inventores do avión. A organización científica que promoveu esta xornada agasallounos con dous papaventos, dúas máquinas voadoras primixenias, pero a ausencia de vento da semana pasada fixo imposible que as puideramos voar. E o temporal desta semana tampouco. A ver se o xoves temos máis sorte...Aquí van algunhas imaxes da xornada, mesmo pintamos ao Maxwell!

martes, 9 de noviembre de 2010

Ecos do Samaín: mañá meiga en Bemantes

Vai para dúas semanas que celebramos o Samaín, e semella que foran os morcegos e as meigas os que cun feitizo nos levaran a conexión de Internet da escola. De calquera xeito, pensamos que foi unha mañá especialmente bonita, malia que a meteoroloxía deulle un toque excesivamente salóbrego e escuro á celebración. Tivemos de todo: meigas e bruxas, morcegos, vampiros, pantasmas, Frankenstein, almas da Santa Compaña, trasnos, mesmo cabazas andantes. Puidemos disfrutar cos debuxos e coas voces dos nenos e nenas da nosa escola, tivemos música, guitarras e cancións en directo, acompañáronnos a alumnado e mestres unha grande cantidade de nais e pais e mesmo tivemos a visita sempre agradable de Pedro, para nós o mestre de Bemantes sempre que el queira. Foi unha mañá distinta, botamos unha chea de fotos por parte da bruxa invitada, Alba, e en definitiva conseguimos darlle o ambiente axeitado á escola, aínda que algún dos máis pequenos comezou a xornada con susto e choros.
Queremos agradecervos, nen@s, o voso esforzo para que todo saíra así de ben, e tamén queremos agradecerlle ás nais e pais unha vez máis a súa colaboración, agardando ir mellorando as festividades futuras, se tal cousa e posible.
Deixámosvos aquí as imaxes da xornada, agarrádevos, uuuuuuuhhhh!!! e tamén as cancións(ao fin):


A canción Xa chegou o Samaín  e Noite de Samaín podedes escoitalas aquí:





jueves, 21 de octubre de 2010

Hoxe naceu o blogue da escola de Bemantes!


Benvid@s! Dende hoxe xa esta dispoñible este novo espazo virtual onde poderemos compartir co alumnado e coas familias algunhas das actividades que se veñen desenvolvendo ao longo do curso. Agardamos que participedes na vida do blogue cos vosos comentarios. Para realizalos, só tedes que entrar en comentarios e escribir o voso. Tamén o alumnado pode escribir os seus comentarios coa axuda dos seus maiores.
A escola ven de elaborar e presentar perante a Consellería de Educación un proxecto de fomento do uso do galego titulado AS PALABRAS QUE SOÑAN CO VENTO, que podedes consultar aquí(para velo en pantalla completa premede en Full na parte inferior do cadro):
Para a vindeira semana celebraremos na escola a festa do Samaín, festividade da que vos iremos amosando algunhas cousiñas. Unha alumna de Educación Infantil apareceu cunha harmónica e decidimos aproveitar a sorpresa e introducila nunha das cancións que elaboramos para o Samaín. Neste vídeo, outro alumno de Infantil busca a melodía na harmónica, inspirándose no mar ao lonxe, ao tempo que un espontáneo mais os nenos e nenas comezan a familiarizarse con parte da letra da canción:

Comezamos os ensaios do Samaín: na procura da melodía from Lois Pérez on Vimeo.




O blogue botou a andar!